E a cidade, con efecto, creceu e tamén aumentaron as súas zonas de industrias, mais isto aconteceu sen que os gobernos municipais reparasen no valor cultural dos nomes de lugar.
Así as cousas, debaixo dos quilómetros cadrados do polígono industrial denominado Agrela-Bens, a que xa fixemos referencia máis arriba, agóchanse, entre a néboa do tixolo, do cemento e do asfalto, moitas aldeas, lugares e casais varridos por rúas agora chamadas Arquímedes, Copérnico, Edison, Galileo Galilei, Gambrinus, Guttemberg, Pasteur etc. Eses sitios, onde se localiza agora a tal sucesión de toponimia dedicada aos mestres da ciencia, eran coñecidos por nomes ben sonorosos como Agrela, A Agra dos Mallos, A Fontaíña, A Fontela, A Fortaleza, A Nabeira e As Nabeiras, A Ramalleira, A Torre das Vellas, A Viña e A Viña do Perruqueiro, As Cortiñas, Amarredonda, Fonteculler, Gatón, Marfialla ou Marfealla, o Bairro Novo, O Chinto, O Control, O Fondal, Os Carrís, Os Regueiros, Os Curros, Pousadoiro etc.
Aproximación a microtoponimia da cidade da Coruña:
entre o esquecemento e a reivindicación
Xosé Manuel Sánchez Rei
Aspectos da toponimia menor coruñesa
Estefanía Mosquera Castro e Xosé Manuel Sánchez Rei (eds.)